Descrición da
ruta
A "I Marcha BTT da Troita" é unha saída non
competitiva que percorre 41 km. polos
concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Trazo. Sen ser unha ruta das chamadas
duras, pois ten 960 m de desnivel positivo, pódese considerar un percorrido dos
nomeados rompe pernas. Terreo mixto, rápido por treitos e técnico e máis lento
noutros. Dos 41 km, o 90% transcorre por camiños e pistas, tan só uns cinco
quilómetros de asfalto que corresponden aos inevitables enlaces e a chegada ó
pobo polo Polígono Industrial de Oroso.
A saída do pobo faise pola estrada da Grabanxa ata atopar
a N-550 que tomaremos cara a Santiago e, nada máis cruzar a Ponte de Sigüeiro
sobre o Tambre, facemos unha viraxe pechada á dereita cara o lugar dos Mallos.
A través dunhas pistas imos na busca da antiga vía do tren que atoparemos a uns
tres quilómetros da saída. Por riba desta plataforma de pedra cruzamos o lugar
onde se encontran os ríos Lengüelle e Tambre, sitio fermoso onde os haxa. Saímos
da vía, momentaneamente, e entramos no Concello de Trazo pola Parroquia de
Berreo para transitar por unha braña poboada de carballos e árbores de ribeira.
Antiga vía do tren
Logo de abandonar a nomeada braña cruzamos o Lengüelle
outra vez e enganchamos a vía do tren un anaco antes de pillar un treito moi
rápido que nos leva ata o fondal da Costa de Trasmonte, dende alí afrontamos a
primeira subida seria do percorrido, uns 700 metros que rematan nun repenico
final dun 17/18%. Ao chegar arriba, e case sen folgos, iniciamos unha baixada
moi técnica polo medio dun piñeiral no que, a bo fe, que as carozas esperan a
chegada das rodas dos bikers.
Baixamos ata o río e volvemos a retomar a vía do tren
durante un anaco e facemos unha baixada dende a mesma por un desnivel duns tres
metros que ten certa complexidade técnica, xa que remata nun camiño estreito
con viraxe pechada de 90 graos á dereita. Dende aquí facemos un treito moi
rápido na busca da vella estación da Pontraga - Ordes, xa en desuso.


Baixada da vía por un balo duns tres metros
Deixamos a estación e acometemos outro treito de 600
metros de asfalto, pola estrada Ordes - Viaño Pequeno, dirección Trazo e no
lugar da Volteira collemos un camiño que nos leva polas brañas de O Poceiro
transitando entre a Igrexa de Numide e o Lengüelle. Aquí outro tramo de enlace
e
empezamos a subir ao que nós chamamos as
"Lobeiras" propiamente ditas, o lugar ten outro nome pero alí
atopamos o lobo algunha vez e así lle chamamos. Ata o alto do Abelleira (389 m)
subimos por camiños flanqueados por carballos e piñeiros ata chegar ao cha. Alí
metémonos por un "single track" estreito e percorremos unha zona de
monte abondoso ata chegar ao avituallamento intermedio situado no Monte dos
Curros.
Despois do avituallamento iniciamos unha pequena baixada
que antecede a outra máis longa para ir chegando ao Castro de Numide, un
fermoso paraxe, e dende alí ata o cruce,
outra vez, da estrada Ordes - Viaño Pequeno a altura da aldea de A Paínza.
Unha vez cruzamos,
volvemos a rodar rápido dirección Leobalde (Trazo) e, de novo,
atopámonos co Río Lengüelle que xa nos
acompañará na viaxe durante un longo treito ata o lugar de Garga, preto da
vella Estación de Trasmonte. Facemos un anaco de vía, compartido coa ida e
noutro "single track" iniciamos a subida ao Coto da Pena, derradeira
subida antes da meta, que algúns pareceralles o Everest. Baixamos o coto e xa
divisamos Vilacide de Arriba, cruzamos por un subterráneo a N-550 en Vilanova,
encaramos o Polígono Industrial de Oroso e rematamos a ruta facendo un
"single track" polo Paseo do Río Carboeiro, xa a carón das piscinas
municipais, na chegada.
Como o esqueleto vou a quedar eu despois de esas costas.
ResponderEliminar