viernes, 25 de abril de 2014

Preparativos da Marcha da Troita



Moi boas a tod@s,

Estes días estamos traballando arreo para ir pulindo os detalles e preparativos da “I Marcha BTT da Troita”. Como vimos dicindo dende o club, o percorrido non será demasiado esixente dende o punto de vista físico e técnico, pero a diversión está asegurada. Para o noso parecer o percorrido é, tendo en conta a paisaxe, espectacular. Antiga vía do tren cruzando por riba do Río Tambre, “single tracks” polas ribeiras do Río Lengüelle, zonas técnicas sen demasiado perigo pero divertidas, camiños de monte e corredoiras das de antes, e en tan só 41 km pasaredes por cinco concellos. En definitiva, unha ruta para gozala sen necesidade de ir as carreiras aínda que cada quen é libre de facela ao ritmo que desexe. Ademais do avituallamento da chegada, están previstos outros dous no percorrido, un, líquido e sólido na metade do mesmo, e outro líquido nun punto aínda non determinado pola organización.

A priori pode parecer, polo que contamos, que a ruta é demasiado sinxela, pero, sen embargo, para algúns ha de ser certamente dabondo. O que si podemos asegurar é que en xeral o percorrido, para os que o desexen, permitiralles rodar a bo ritmo.

Isto custa organizalo, traballo e cartos, pero facémolo con toda a ilusión do mundo para que o pasedes estupendamente. Tamén esperamos, que por ser a primeira vez, cometer fallos de principiantes e, por iso, pedimos a vosa comprensión e as desculpas se non agradamos a todos por igual prometendo mellorar nas seguintes edicións.

martes, 22 de abril de 2014


I Marcha BTT da Troita (maio 2014)



"I Marcha BTT da Troita", saída non competitiva en grupo, organizada polo Club Ciclista Tambre Bike e o Concello de Oroso. Ruta "Das Lobeiras", percorrido 41 km. Dificultade física de nivel medio e técnica de nivel medio - alto. Non recomendable para menores de 16 anos.
Saída dende o pavillón polideportivo de Sigüeiro as 09:30 horas do domingo día 11 de maio. Para máis información consultar neste blog ou no facebook do tambrebike.

                   Percorrido aproximado da ruta, pode variar minimamente.


                                                   
                                                   Perfil ruta "Das Lobeiras"



O enlace da inscripción é o seguinte:

http://www.reunalia.com/3284863


lunes, 7 de abril de 2014

Información sobre as inscricións:

Os que teñades algún tipo de problema para facer a inscrición a través do enlace para o pagamento con tarxeta, tamén podedes optar por facer un ingreso na conta do club, sinalando no concepto do ingreso "inscrición Marcha da Troita" ademais do nome e os apelidos. Recoméndase facer as inscricións co sistema de pagamento con tarxeta,  por unha simple cuestión de comodidade, para a organización, xa que automaticamente se exportan as listaxes en documentos facilmente manexables. Grazas a todos pola vosa colaboración.


A conta do club é:  0133 7996 05 4200000653, de La Caixa 

domingo, 6 de abril de 2014


Hoxe nas Lobeiras
A nosa compañeira Marina González, membro do C.C. Tambre Bike proclamouse onte CAMPIONA DE ESPAÑA 2014 DE DUATLÓN, eres unha "crack" Marina, parabéns. Estamos orgullosos.

Lume e fume negro!!

Dende este intre quedan abertas as inscripcións á ruta

Descrición da ruta

Descrición da ruta

A "I Marcha BTT da Troita" é unha saída non competitiva que percorre 41 km.  polos concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Trazo. Sen ser unha ruta das chamadas duras, pois ten 960 m de desnivel positivo, pódese considerar un percorrido dos nomeados rompe pernas. Terreo mixto, rápido por treitos e técnico e máis lento noutros. Dos 41 km, o 90% transcorre por camiños e pistas, tan só uns cinco quilómetros de asfalto que corresponden aos inevitables enlaces e a chegada ó pobo polo Polígono Industrial de Oroso.
A saída do pobo faise pola estrada da Grabanxa ata atopar a N-550 que tomaremos cara a Santiago e, nada máis cruzar a Ponte de Sigüeiro sobre o Tambre, facemos unha viraxe pechada á dereita cara o lugar dos Mallos. A través dunhas pistas imos na busca da antiga vía do tren que atoparemos a uns tres quilómetros da saída. Por riba desta plataforma de pedra cruzamos o lugar onde se encontran os ríos Lengüelle e Tambre, sitio fermoso onde os haxa. Saímos da vía, momentaneamente, e entramos no Concello de Trazo pola Parroquia de Berreo para transitar por unha braña poboada de carballos e árbores de ribeira.



Antiga vía do tren
Logo de abandonar a nomeada braña cruzamos o Lengüelle outra vez e enganchamos a vía do tren un anaco antes de pillar un treito moi rápido que nos leva ata o fondal da Costa de Trasmonte, dende alí afrontamos a primeira subida seria do percorrido, uns 700 metros que rematan nun repenico final dun 17/18%. Ao chegar arriba, e case sen folgos, iniciamos unha baixada moi técnica polo medio dun piñeiral no que, a bo fe, que as carozas esperan a chegada das rodas dos bikers.
Baixamos ata o río e volvemos a retomar a vía do tren durante un anaco e facemos unha baixada dende a mesma por un desnivel duns tres metros que ten certa complexidade técnica, xa que remata nun camiño estreito con viraxe pechada de 90 graos á dereita. Dende aquí facemos un treito moi rápido na busca da vella estación da Pontraga - Ordes, xa en desuso.


Baixada da vía por un balo duns tres metros
Deixamos a estación e acometemos outro treito de 600 metros de asfalto, pola estrada Ordes - Viaño Pequeno, dirección Trazo e no lugar da Volteira collemos un camiño que nos leva polas brañas de O Poceiro transitando entre a Igrexa de Numide e o Lengüelle. Aquí outro tramo de enlace e
empezamos a subir ao que nós chamamos as "Lobeiras" propiamente ditas, o lugar ten outro nome pero alí atopamos o lobo algunha vez e así lle chamamos. Ata o alto do Abelleira (389 m) subimos por camiños flanqueados por carballos e piñeiros ata chegar ao cha. Alí metémonos por un "single track" estreito e percorremos unha zona de monte abondoso ata chegar ao avituallamento intermedio situado no Monte dos Curros.



"Single track" das Lobeiras

Despois do avituallamento iniciamos unha pequena baixada que antecede a outra máis longa para ir chegando ao Castro de Numide, un fermoso paraxe,  e dende alí ata o cruce, outra vez, da estrada Ordes - Viaño Pequeno a altura da aldea de A Paínza.
Unha vez cruzamos,  volvemos a rodar rápido dirección Leobalde (Trazo) e, de novo, atopámonos  co Río Lengüelle que xa nos acompañará na viaxe durante un longo treito ata o lugar de Garga, preto da vella Estación de Trasmonte. Facemos un anaco de vía, compartido coa ida e noutro "single track" iniciamos a subida ao Coto da Pena, derradeira subida antes da meta, que algúns pareceralles o Everest. Baixamos o coto e xa divisamos Vilacide de Arriba, cruzamos por un subterráneo a N-550 en Vilanova, encaramos o Polígono Industrial de Oroso e rematamos a ruta facendo un "single track" polo Paseo do Río Carboeiro, xa a carón das piscinas municipais, na chegada.


Así quedou o último biker do Tambre bike que pasou polas Lobeiras